E como xa o estábamos a desexar... aquí temos os resultados da primeira tarefa do proxecto deste ano! 😁
O traballo de cada curso consistiu en investigar sobre o ser mitolóxico galego elixido e non vos imaxinades a de cousas interesantes que descubrimos. Mesmo os profes! Xa somos uns expertos e expertas en xanas, mouros, nubeiros, santa compaña e demais seres fantásticos.
O 25 de novembro conmemoramos o día internacional da eliminación da violencia contra a muller.
Xa que a autora que estamos a traballar este trimestre é Eva Mejuto, escollemos o seu conto "Neko" para traballar todo o centro en conxunto e poder abordar en concreto a violencia exercida contra as mulleres. Foi un libriño que nos encantou ler e que nos fixo reflexionar moito.
O que non sabíamos era que nos esperaba unha sorpresa. Eva e Neko viñan de visita ao cole! Que ledicia poder compartir con eles as nosas sensacións tras traballar o libro, contarlles cánto nos conmoveu e poder facerlles preguntiñas.
Os compis de 5º e 6º prepararon unha presentación que gravaron na radio escolar e como agasallo, fixémoslle un libriño de recordo con todos os nosos debuxos e reflexións tras ler a historia de Neko 💜
E un dos nosos exemplares da biblio, queda asinado como recordo deste día :)
Por fin celebramos unha das datas que máis nos gustan en Viñas: O SAMAÍN.
Como cada ano desfrutamos dunha terrorífica sesión de contacontos na biblio a cargo dos nosos profes. Como non podía ser menos, as historias de terror xiraron en torno á nosa mitoloxía máis sinistra e así, por exemplo, coñecemos a lenda do Urco, un malvado can que vive no noso río Lérez.
E como xa vén sendo tradición, eliximos as gañadoras e gañadores do VI concurso de microrrelatos de medo, que puideron gravar a súa historia na radio escolar. Aquí as tedes para escoitalas de novo!
O 14 de outubro celebramos o día das escritoras. Ao longo deste trimestre traballaremos a unha das escritoras galegas coas que máis desfrutamos, Eva Mejuto 😊.
Dende a biblio seleccionamos algúns dos seus contiños (e outros que faltan que temos xa nas aulas) para que cada grupo comece a ler.
Este ano Viñas vén cargado de fantasía, xa que traballaremos como proxecto de centro a mitoloxía galega, tal e como nos conta o noso Luno neste vídeo tan chuliño que nos envía:
Pouco a pouco iremos descubrindo seres mitolóxicos que non coñecíamos e aprenderemos un pouquiño máis doutros que seguro que xa nos soan.
Arrincamos entón coa nosa GALICIA MITOLÓXICA. Seguro que a disfrutamos moito :)
Ademais, as clases xa están preparadas coa biblioteca de aula móbil que iremos cambiando cada trimestre, con novidades que están desexando que lles botedes o ollo.