miércoles, 10 de diciembre de 2025

ACTIVIDADES DO NADAL

 TEMPO DE NADAL!


Nun abrir e pechar de ollos, chegamos ao final da primeira avaliación!
O certo é que estes últimos días estivemos moi atarefados. Por unha banda, escribimos unhas postais de nadal para os nenos e nenas que acuden a aulas hospitalarias nestas datas. 

 Por outra banda, temos un calendario de advento moi esixente (pero que nos encanta!) no que se nos propón unha actividade diaria relacionada co Nadal.



 

Entre outras cousiñas, saimos a ver a aldea do Nadal, cantamos unhas panxoliñas aos nosos veciños da zona e puidemos desfrutar dun espectáculo teatral máis chocolatada. Que máis podemos pedir?








E xa para despedirnos ata o próximo ano, deixamos unha das felicitacións que argallamos este curso seguindo coa temática das construcións.


miércoles, 3 de diciembre de 2025

Día internacional das persoas con discapacidade

 3 de decembro


Este día conmemoramos o día internacional das persoas con discapacidade. Nesta ocasión, e seguindo o proxecto anual, falamos da importancia da arquitectura inclusiva. 

 

Traballamos nas aulas unha presentación na que coñecemos qué son as barreiras arquitectónicas e porque é importante crear contornas accesibles para as persoas con discapacidade.
 

Despois, levamos a cabo un taller na biblioteca onde puidemos experimentar o aprendido, ver a necesidade real destas adaptacións do entorno e aprender a facer algunha de xeito sinxelo.

 

Na estación de discapacidade visual, aprendemos un pouco máis sobre os sistema Braille. 

 


Na relacionada coa discapacidade motora, fomos conscientes do importantes que son os ascensores para as persoas usuarias de cadeiras de rodas e seguindo uns modelos, construimos dous tipos diferentes de ascensor. 

 



 E por último, para a discapacidade auditiva aprendemos que é moi útil ter avisadores lumínicos na casa que avisen, por exemplo, de cando alguén está chamando ao noso timbre. Así que cuns LED, unha pila e un pouco de plastilina condutora, elaboramos o noso :)


viernes, 28 de noviembre de 2025

ARQUITECTURA NO MUNDO



CONSTRUCIÓNS DO MUNDO


Este curso temos a sorte de traballar sobre a aquitectura: coñecer diferentes tipos de construcións, materiais, diversas profesións...

 

E como non podía ser doutro xeito, este primeiro trimestre Luno tróuxonos unha proposta que vos queremos presentar.

 

Cada curso seleccionou unha construción característica dun lugar do mundo, e tras facer unha interesante e divertida investigación, presentámola ao resto de compañeiras e compañeiros para que tamén coñezan esas vivendas ás veces pouco habituais.

 

Aquí deixamos o resultado dalgúns destes traballos, que se poden consultar na exposición da entrada do cole.

 

Coñecíades todas estas vivendas? Contádenos! 





 

martes, 25 de noviembre de 2025

25 Novembro


 25 N


Este martes conmemoramos o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

 

Nesta ocasión, e seguindo coa temática das construcións que estamos a traballar este curso, toda a comunidade educativa quixo participar neste vídeo que se centra na importancia de destruir eses muros construidos dende o odio e a violencia cara as mulleres e polo contra, construir un novo mundo sustentado pola igualdade e o repecto.


NIN UNHA MÁIS!




martes, 28 de octubre de 2025

SAMAÍN 25/26

 


VI CONCURSO MICRORRELATOS SAMAÍN 

EXPOSICIÓN DE CASAS DO TERROR


 Xa está aquí unha das nosas datas preferidas: o Samaín! E con ela,  chega a VI edición do concurso anual de microrrelatos de medo.

 Velaquí tedes aos gañadores e gañadoras, que un ano máis gravaron as súas historias de terror na radio escolar.  

 Noraboa por estes relatos que nos fixeron tremer de medo! 


          Ademais, para decorar o cole, fixemos unha exposición de casas  do terror  con caixas de cartón. Xa que estamos a traballar a  arquitectura, qué mellor oportunidade que esta para construir as  máis terroríficas posibles.




 

 

 

martes, 21 de octubre de 2025

 


DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS




Este venres 24 conmemoramos o día internacional das bibliotecas e qué mellor xeito de celebrar esta data coñecendo algunhas das bibliotecas máis fermosas do mundo.

Damos un paseiño por elas?  💙











lunes, 29 de septiembre de 2025

 Novo curso... mans á obra!



Agora que xa temos o novo curso un pouquiño rodado, o noso Luno xa nos pode desvelar cal será a temática do proxecto de centro deste ano.

Escoitádeo con atención:

 


Así que como vedes, este curso 2025-2026 traballaremos o tema da ARQUITECTURA. Coñeceremos vivendas extravagantes e as ferramentas e materiais que se precisan para a súa construción, aprenderemos a traballar con planos, descubriremos vivendas de animais un tanto curiosas e pode que ata nós mesmos sexamos arquitectos e arquitectas facendo as nosas propias construcións. Quen sabe... :)

Vaia viaxe nos espera, así que como ben di Luno... mans á obra!

viernes, 6 de junio de 2025

Maruxaina

 SIGNAMOS A CANCIÓN DA "MARUXAINA"


Que neste cole temos moita marcha xa o sabemos todos, así que non nos puidemos resistir a meter un pouco de ritmo no noso proxecto mitolóxico cun dos nosos personaxes femininos favoritos agora que se achega o tempo de mar e praia: a Maruxaina.

Xunto ca mestra de AL aprendemos a signar a canción de Mekanika Rolling Band na que fala deste ser da mariña lucense e co profe de música démoslle o noso toque personal incluindo as nosas voces.



Seguro que estades desexando ver o noso videoclip, verdade? Esperamos que vos guste :)





jueves, 5 de junio de 2025

Día mundial do medio ambiente

 5 de xuño. Día do medio ambiente


Unha data que sempre nos gusta conmemorar é o día do medio ambiente. Coma xa é habitual, seleccionamos dende a biblio algún conto para traballar esta celebración e lembrar a importancia de coidar do noso planeta comezando por pequenos xestos do día a día.


Por ese motivo, o cole fixo unha pequena saída para colaborar limpando unha das praias da nosa contorna. Reflexionamos sobre as consecuencias de tirar lixo ao mar ou a importancia da reciclaxe. 







viernes, 23 de mayo de 2025

Outras conmemoracións de maio

DÍA DA FAMILIA E DÍA CONTRA A HOMOFOBIA 


O 15 e o 17 de maio, conmemoramos respectivamente o día da familia e o día contra a homofobia. Dende a biblio, fixemos coma sempre unha escolma dos nosos libros favoritos en torno a esta temática que foron traballando as titorías nas aulas e que colocamos na exposición do corredor. 




Pero este ano contamos cun libriño moi especial, que aínda que pequeno, para nós é moi grande. Unha das mamás do noso cole agasallounos cun bonito exemplar dun contiño escrito por ela para explicar que a súa familia, aínda que podía ser un pouquiño diferente ao resto, é igual de completa e bonita. Unha historia preciosa coa que traballamos nas aulas.

 Grazas, familia! 





martes, 20 de mayo de 2025

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 DÍA DAS LETRAS GALEGAS


O mes de maio sempre é en Viñas o "mes da lingua" pero o día 17 é sen dúbida un día que celebramos con especial agarimo. Este ano, no que adicamos ás cantareiras o día das letras galegas, cada curso escolleu unha pequena canción popular para cantar ao resto do cole, acompañándoa co son das nosas pandeiretas artesás.



Despois, os cursos que así o quixeron puideron gravalas para o recordo na radio escolar. 



lunes, 5 de mayo de 2025

Creamos o noso amuleto


 DESEÑADORAS E DESEÑADORES


Agora que o curso xa está a piques de rematar, recibimos a última das cartiñas de Luno, na que nos convida a deseñar un amuleto para o noso ser mitolóxico inventado: 

Para guiarnos un pouco, enviounos un resumo de todos ese seres que xa fomos coñecendo ao longo do curso xunto cos elementos ou feitizos que nos axudan a espantalos ou atraelos 



Con toda esta información, puxémonos mans á obra e coa nosa nova impresora 3D comezamos a darlle vida.  Velaquí temos algún dos nosos resultados:


                                                  





jueves, 24 de abril de 2025

DÍA DO LIBRO

 E chegou o noso día favorito do ano, O DÍA DO LIBRO 😍

Este mes veu cargadiño de actividades na aulas e no centro en torno aos nosos queridos libriños. 

Comezamos cos apadriñamentos lectores no patio aproveitando os raios de sol da primavera. Os maiores léronlles os seus contos preferidos aos máis pequechos.


Ademáis, celebramos un concursiño de chapas, no que cada alumna e alumno deseñou a súa chapa para festexar o día do libro. Aquí temos os gañadores de cada ciclo:


E os seus deseños premiados:



Ademáis todo o cole tivo a sorte de visitar a biblioteca pública de Pontevedra, onde gozamos dun divertido conto e despois puidemos mergullarnos entre todos os seus libros un anaco. 





viernes, 11 de abril de 2025

DÍA DA SAÚDE

 DÍA MUNDIAL DA SAÚDE


En Viñas intentamos ser un cole comprometido coa boa alimentación e a saúde en xeral. 

Este ano aproveitamos a o noso proxecto mitolóxico para coñecer máis sobre as propiedades dalgunhas herbas e plantas medicinais.



Recoñecémolas, aprendemos o seu nome e asociamos cada unha delas coa súa propiedade curativa.

                                                                                           


Ademais, aproveitando o estupendo supermercado que crearon os compis de 6º curso, fixemos todo o cole uns retos nos que entre outras cousas, aprendemos a diferenciar produtos saudables dos que non o son tanto, ou a xestionar os cartos para facer unha compriña saudable. Cumprimos o reto con creces!




viernes, 4 de abril de 2025

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

 O 2 de abril conmemoramos o día internacional do libro infantil e xuvenil. 

Xunto con outras actividades que se irán levando a cabo no centro, tivemos a gran fortuna de contar cunha contadora de contos á que queremos moito 💜. Andrea Bayer fixo desfrutar aos pequechos de infantil e do primeiro ciclo de primaria co clásico infantil "O homiño de papel". Encantounos, Andrea! 

                                     


jueves, 3 de abril de 2025

Día mundial do autismo


O 2 de abril conmemoramos o día mundial do autismo. 

Dende a biblio propuxemos unha actividade para todo centro co contiño "El cazo de Lorenzo". 

Tamén visionamos a curtametraxe despois de ler o conto e tras reflexionar sobre a situación do personaxe, traballamos en nós mesmos cales serían os nosos cazos e os nosos bolsos que nos axudan a cargar con eles.

Unha boa forma de traballar a empatía 💙



                                                                                                                                                                               

lunes, 24 de marzo de 2025

Día da poesía

 DÍA DA POESÍA


Xa sabemos que Viñas está cheo de poetas e poetisas... Este ano, ademais da lectura nas aulas dalgún poemiña que seleccionamos dende a biblio, traballamos coas rimas. 

E como non, os protagonistas foron tamén os nosos seres mitolóxicos.


No caso dos máis cativos, tamén compuxeron pequenas rimas completando os versos cun pouquiño de axuda das súas profes.



martes, 18 de marzo de 2025

Semana da prensa


 SEMANA DA PRENSA

Estas semanas estamos un pouco liados polo cole... Estamos a traballar a prensa e os pequechos de infantil desfrutan iniciándose coa prensa escrita. 


Os que xa son un pouquiño maiores desfrutan poñéndose no papel de periodistas e inventando novas para un noticieiro un pouco tolo.




 Outros, practicaron as entrevistas que gravaron na radio escolar. Aquí tedes un pequeniño exemplo:



lunes, 17 de marzo de 2025

Día do cómic

 DÍA DO CÓMIC


Un dos formatos narrativos que máis nos gustan son os cómics. Por ese motivo, todos os anos procuramos crear as nosas propias historias ou versionar algunha xa coñecida.

Este curso no que estamos aprendendo tanto sobre mitoloxía, rímonos moito co conto do Gatipedro. Un ser que era descoñecido para moitos, pero que nos encantou! Así que como propostiña de biblio, intentamos facer as nosas propias historias con este personaxe como protagonista.