jueves, 13 de febrero de 2025

Día mundial da radio


O 13 de febreiro celebramos o día mundial da radio e para conmemorar esta data, no cole estivemos a traballar os anuncios publicitarios neste medio.




O alumnado de sexto curso aproveitou a ocasión para lanzar o seu anuncio radiofónico de presentación do supermercado que levan organizando unha boa parte do curso. Nel convídannos á súa inauguración. Velaquí o tedes:





viernes, 31 de enero de 2025

Día da paz

 O 30 de xaneiro conmemoramos o día escolar da non violencia e a paz.

Dende o Concello de Poio propuxéronnos esta bonita actividade: "palabras máxicas que cambian o mundo". Aproveitamos a lectura na biblio dalgúns dos nosos contiños relacionados con esta temática para reflexionar despois e escoller unha palabra que para cada un de nós se relacione coa paz. 




Despois, escribímola nun anaquiño de papel e introducímola na chistera cun golpe máxico da nosa variña e enchendo de bos desexos este día.



lunes, 9 de diciembre de 2024

Trasnos no cole?

 Esta semana Luno enviounos aos nosos buzóns unha carta dicindo que estaba algo preocupado polas cousas que estaban a suceder no cole.

O certo é que polas mañás estábamos a atopar cousas un tanto estrañas: cadeiras movidas de lugar, espuma de afeitar nas mesas, papel hixiénico tapando as portas... Podería ser un trasno?



Así que recopilamos entre todos algo de información nun documento e descubrimos como botar do noso cole a este ser mitolóxico tan falcatrueiro: puxemos unha presada de millo en cada aula e ao día seguinte, nin rastro do trasno e das súas trasnadas. 


Non llo contedes, pero o certo é que foi moi divertido telo rondando polo cole 😉




martes, 3 de diciembre de 2024

Iniciámonos na mitoloxía galega

 E como xa o estábamos a desexar... aquí temos os resultados da primeira tarefa do proxecto deste ano! 😁




O traballo de cada curso consistiu en investigar sobre o ser mitolóxico galego elixido e non vos imaxinades a de cousas interesantes que descubrimos. Mesmo os profes! Xa somos uns expertos e expertas en xanas, mouros, nubeiros, santa compaña e demais seres fantásticos.





miércoles, 27 de noviembre de 2024

25 DE NOVEMBRO

O 25 de novembro conmemoramos o día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Xa que a autora que estamos a traballar este trimestre é Eva Mejuto, escollemos o seu conto "Neko" para traballar todo o centro en conxunto e poder abordar en concreto a violencia exercida contra as mulleres. Foi un libriño que nos encantou ler e que nos fixo reflexionar moito.

O que non sabíamos era que nos esperaba unha sorpresa. Eva e Neko viñan de visita ao cole! Que ledicia poder compartir con eles as nosas sensacións tras traballar o libro, contarlles cánto nos conmoveu e poder facerlles preguntiñas. 

Os compis de 5º e 6º prepararon unha presentación que gravaron na radio escolar e como agasallo, fixémoslle un libriño de recordo con todos os nosos debuxos e reflexións tras ler a historia de Neko 💜




E un dos nosos exemplares da biblio, queda asinado como recordo deste día :)

Grazas, Eva e Neko!

lunes, 4 de noviembre de 2024

SAMAÍN 2024

 Por fin celebramos unha das datas que máis nos gustan en Viñas: O SAMAÍN. 

Como cada ano desfrutamos dunha terrorífica sesión de contacontos na biblio a cargo dos nosos profes. Como non podía ser menos, as historias de terror xiraron en torno á nosa mitoloxía máis sinistra e así, por exemplo, coñecemos a lenda do Urco, un malvado can que vive no noso río Lérez.


E como xa vén sendo tradición, eliximos as gañadoras e gañadores do VI concurso de microrrelatos de medo, que puideron gravar a súa historia na radio escolar. Aquí as tedes para escoitalas de novo!




martes, 15 de octubre de 2024

DÍA DAS ESCRITORAS

O 14 de outubro celebramos o día das escritoras. Ao longo deste trimestre traballaremos a unha das escritoras galegas coas que máis desfrutamos, Eva Mejuto 😊.



Dende a biblio seleccionamos algúns dos seus contiños (e outros que faltan que temos xa nas aulas) para que cada grupo comece a ler.