lunes, 10 de marzo de 2025

8 M

 8 M. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


O noso Luno, como nos ten xa acostumados, enviounos este vídeo ás aulas no que nos propoñía participar nunha divertida actividade tipo scape room para celebrar o día da muller:



Este ano, seguindo o proxecto de centro, traballaremos a dúas mulleres que pola súa gran sabedoría no tempo no que viviron, foron consideradas meigas e tratadas inxustamente.




Con elas, coñeceremos a importancia desas mulleres que cos seus coñecementos en medicina e ciencia fixeron tanto polos demais. E tamén grazas a elas (se conseguimos cumplir todos os seus retos) poderemos completar un antigo conxuro pola igualdade, que entre todas e todos debemos manter máis vivo que nunca. 







miércoles, 5 de marzo de 2025

Creamos o noso ser mitolóxico

 Coma sempre, Luno está atentiño a todo o que argallamos no cole e fai unhas semanas recibimos correspondencia nos nosos buzóns de aula:

Aceptamos sen dubidar o ser reto e cada curso puxo a traballar a súa creatividade para inventar un ser mitolóxico coa súa lenda. O certo é que os resultados foron xeniais! Para presentar ás nosas criaturas, pasamos polas aulas a falarlles aos compañeiros de outros cursos sobre elas. 


E despois deste intenso traballo, os nosos seres mitolóxicos ben merecen situarse na entrada principal do cole ao lado das outras criaturas fantásticas galegas 💕





martes, 4 de marzo de 2025

ENTROIDO MITOLÓXICO

ENTROIDO MITOLÓXICO


Acaso había algunha dúbida da temática do noso entroido? Como non podía ser doutro xeito, con todo o cariño que lle temos xa aos nosos seres mitolóxicos galegos, qué mellor que caracterizarnos coma eles nestas datas.

O noso meco xa nos enviou os mandatos para arrincar esta semana. E coma sempre, os disfraces quedáronnos ideais! Xulgade vós mesmos. 




Fixemos un pequeno desfile para compartir cos veciños esta festiña e amosar uns bailes que levábamos preparados. Por suposto, tamén presentamos os nosos seres mitolóxicos cun pequeno textiño que preparamos nas aulas. 


Ao rematar, volta ao cole para merendar, sacar unhas fotos no "photocall mitolóxico" que crearon os maiores de sexto co seu profe e a seguir coa troula. 



jueves, 13 de febrero de 2025

Día mundial da radio


O 13 de febreiro celebramos o día mundial da radio e para conmemorar esta data, no cole estivemos a traballar os anuncios publicitarios neste medio.




O alumnado de sexto curso aproveitou a ocasión para lanzar o seu anuncio radiofónico de presentación do supermercado que levan organizando unha boa parte do curso. Nel convídannos á súa inauguración. Velaquí o tedes:





viernes, 31 de enero de 2025

Día da paz

 O 30 de xaneiro conmemoramos o día escolar da non violencia e a paz.

Dende o Concello de Poio propuxéronnos esta bonita actividade: "palabras máxicas que cambian o mundo". Aproveitamos a lectura na biblio dalgúns dos nosos contiños relacionados con esta temática para reflexionar despois e escoller unha palabra que para cada un de nós se relacione coa paz. 




Despois, escribímola nun anaquiño de papel e introducímola na chistera cun golpe máxico da nosa variña e enchendo de bos desexos este día.



lunes, 9 de diciembre de 2024

Trasnos no cole?

 Esta semana Luno enviounos aos nosos buzóns unha carta dicindo que estaba algo preocupado polas cousas que estaban a suceder no cole.

O certo é que polas mañás estábamos a atopar cousas un tanto estrañas: cadeiras movidas de lugar, espuma de afeitar nas mesas, papel hixiénico tapando as portas... Podería ser un trasno?



Así que recopilamos entre todos algo de información nun documento e descubrimos como botar do noso cole a este ser mitolóxico tan falcatrueiro: puxemos unha presada de millo en cada aula e ao día seguinte, nin rastro do trasno e das súas trasnadas. 


Non llo contedes, pero o certo é que foi moi divertido telo rondando polo cole 😉




martes, 3 de diciembre de 2024

Iniciámonos na mitoloxía galega

 E como xa o estábamos a desexar... aquí temos os resultados da primeira tarefa do proxecto deste ano! 😁




O traballo de cada curso consistiu en investigar sobre o ser mitolóxico galego elixido e non vos imaxinades a de cousas interesantes que descubrimos. Mesmo os profes! Xa somos uns expertos e expertas en xanas, mouros, nubeiros, santa compaña e demais seres fantásticos.